17 de maio dia das letras galegas
acochando as patacas

A HORTA EN MAIO

Neste mes do ano cóidase en xeral moito a horta sacándolle as malas herbas e acochando a terra, imprescindible nas patacas, na remolacha e no  millo.

Seméntanse as fabas altas, séguense trasplantando leitugas, pementos, cabaciñas, acelgas, remolachas, cogombros....

Poñer as guías aos tomates é outra labor de maio, se aínda non o fixeches, xa que empezan a ter o tamaño idóneo para comezar a atalos.

No referente ás parras ou viñedos cando agruman os acios empézanse a aplicar as primeiras mans de xofre e sulfato. Ter os viñedos estrados evita que salian as malas herbas, dalle frescura á terra e evita que botemos herbicidas que non lle fan ben as cepas.

En maio temos colleita de fabas lobas, espinacas, chícharos,  tirabeques,  fresas e  cereixas de cedo.

+ COUSAS

O 3 de maio é a Santa Cruz, data moi sinalada no calendario hortícola xa que á xeada que acostuma vir por este día témeselle polo gran derramo que fai. Axean patacas, vides, tomates e en xeral todo o que está tenro no exterior trasplantado; por iso a protección aos tomates ténse que manter ata ben pasada a data.

En canto aos pementos non será ata despois do 17 de maio que se poñerán trasplantados á horta. 
Hai a costume de poñerlle unha ramiña de loureiro espetada na terra ao seu carón para que lle de sombra e o excesivo sol non os derrame.
En Galicia temos moitos tipos de pementos. Arnoia, Ourense e Padrón son localidades que lle dan nome ás variedades. Tamén cultivamos pementos italianos e morróns.
En canto ás leitugas acostúmase a ter na horta tamén todo tipo de variedades. Orella de Mula ( ideal para o caldo galego ), marabilla, riza e de folla de carballo, moi de moda nos últimos anos.

Para protexer as prantas das  alimachas (babuxas) e caracois convén poñerlle ao redor  cal viva para que non poda acceder a elas.
Recomendamos usar a cinza sobrante da cociña de leña,  que fomos gardando en sacos no inverno, para aboar e protexer os cultivos hortícolas.

A finais de mes xa sacamos as leitugas e os tomates das botellas ou os protectores. O liño xa está florido. 
Os morteiros de coias e allo porros están medrando para transplantarse no vindeiro mes.

Maio é o mes onde máis se ve medrar a horta, en apenas 20 días pasamos de ver nacer as cousas a estar en esplendor.


Pero si de algo é mes maio é de rosas. Rosas cultivadas e silvestres enchen as aldeas. Da súa beleza dan fe as fotos inferiores.

A CORDA DA SANTA COMPAÑA
INSTITUTO GALEGO DE ESTADISTICA